Single Blog Title

This is a single blog caption

TERCER ANUNCIO DE NOMES PARA A QUINTA EDICIÓN DE WOS FESTIVAL X SON ESTRELLA GALICIA


Os oito nomes sumados ao cartel da quinta edición de WOS Festival x SON Estrella Galicia, ao que aínda se sumará algún artista máis, seguen demostrando a súa firme vontade de presentar en Santiago de Compostela e en Galicia formas artísticas ao redor da música electrónica e a exploración avaladas polo rotundo recoñecemento de público e prensa fóra das nosas fronteiras. Con este novo anuncio, o festival deixa practicamente pechado o seu cartel de concertos, aínda que se espera algún nome máis, ademais da publicación nos próximos días dos programas de cinema e encontros.

‘Continuum’ é considerado un dos traballos máis emblemáticos do artista e experimentador sonoro Paul Jebanasam: unha obra impresionante e desbordante na que as composicións expresan forzas do universo e a vida, desde a complexidade dos acontecementos celestes ata o comportamento celular. Acompáñalle o artista visual Tarik Barri, un dos máis solicitados e celebrados do actual panorama electrónico. A performance, aclamada en festivais de toda Europa, require unha escoita profunda, conformando un espectáculo que mergulla e desorienta, e no que o son e a luz arrastran ao espectador nunha experiencia difícil de describir con palabras.

Entre os oito novos nomes que se incorporan ao cartel sonoro atópanse tamén, encargados de prender lume á noite do sábado, The Bug feat. Miss Red, un combo apocalíptico e incendiario na órbita da escuadra Ninja Tune formado polo dj e produtor Kevin Martin e a MC israelí Sharon Stern. Martin, colaborador de Godflesh, Techno Animal, My Bloody Valentine, El-P, Death Grips, Grouper, Nine Inch Nails ou John Zorn, por citar uns cuantos, desata nos seus directos auténticos terremotos de dancehall, grime, hip-hop e dub-noise. Contará ao micrófono para a súa actuación en WOS Festival x SON Estrella Galicia coa MC israelí Miss Red, considerada para moitos una das artistas revelación dos últimos anos. A cantante e MC aproveitará para presentar en Galicia o seu primeiro LP “K.O.”, producido por The Bug e ante o que se renderon instantaneamente medios como Quietus, Mojo, Uncut ou Observer.

Un dos pratos fortes da edición será o artista húngaro Gábor Lázár, autor desde o seu debut en 2013 de cinco LPs que lle valeron figurar repetidamente nas listas dos mellores discos e artistas revelación do ano de Rolling Stone ou Resident Advisor, e conquistar á emisora NTS, The Guardian ou The Quietus. As súas pistas son pinchadadas reiteradamente por xenios como Aphex Twin, e gañáronlle a consideración de “futuro da música electrónica”. En maio de 2018 Gábor publicou ‘Unfold’, unha expedición aos confíns do 2-step e dub techno que lle consagrou como unha das voces protagonistas da música electrónica de vanguardia da actualidade.

Pola súa banda, o recoñecemento e fama do inusual dúo xaponés Group A atópase nun ascenso imparable. As súas impactantes actuacións, de importante compoñente performativo, constitúen unha parte substancial da súa obra e, invariablemente, unha experiencia fóra do común. O dúo colleita ao seu paso admiración e respecto, compartindo escenarios con Merzbow, Nisennenmondai ou Melt Banana. Na súa discografía, como o seu disco do ano pasado para Mannequin Records, ‘12” EP’ (2017) ou o seu recentemente publicado ‘Circulation’ (Kashual Plastik, agosto 2018) soan ecos a Throbbing Gristle ou Cabaret Voltaire.

O festival contará tamén coa performance sonora 100 Keyboards, creada polo artista Asuna Arashi. A pesar de ser considerado un novo talento da arte sonora e a vangarda xaponesas, a traxectoria de Asuna remóntase aos 90. Pioneiro e figura clave na escena de ambient, drone e experimental de Tokio, Asuna publicou numerosas referencias discográficas en selos de todo o mundo. Nos últimos anos o seu traballo focalizouse no campo da performance e as instalacións, especialmente na fronteira que difumina a división entre arte e música. Arashi explora nesta obra os efectos físicos e psicolóxicos inducidos polas diferentes profundidades de son que forman parte da xeografía dun espazo.

Os longos anos de estudo e dedicación da chelista Lucy Railton, tamén fundadora e co-directora do London Contemporary Music Festival (LCMF), equipárona con técnicas e capacidades inmellorables para poñer a proba e explorar os límites da composición e a interpretación co seu instrumento. O seu traballo afúndese e reloce nunha bruma experimental, alternando entre o caos acústico e momentos de lucidez.

Pola súa banda, o proxecto da artista de desdendencia grega Christina Vantzou e o norteamericano John Also Bennett, CV & JAB, presentará o seu disco “Thoughts of a Dot as It Travels a Surface”, unha colección de vibracións, cordas abstractas e gravacións de campo baseada nun debuxo mural de 90 metros de longo realizado polo artista plástico Zin Taylor.

Para rematar, a novísima RRUCCULLA, que apenas pasando os 20 non para de deixar bocas abertas cunha electrónica e batería experimental que traen á mente a Tortoise, Battles, Four Tet ou Flying Lotus, con parada no jazz de vangarda, o dubstep ou o hip hop. Difícil de ver en directo, o ano pasado quedamos co mel nos beizos cando cancelou a súa visita a WOS Festival x SON Estrella Galicia, e este ano esperámola co dobre de ganas.

Estes novos nomes súmanse aos xa anunciados, chegando a un total de 24 artistas confirmados polo momento. O cartel inclúe á norteamericana Laurel Halo, un dos grandes nomes da electrónica da última década, e que acaba de publicar o seu último traballo, o EP Raw Silk Uncut Wood (Latency, 2018), e o primeiro concerto en España de Abul Mogard, cuxo traballo foi celebrado en Berlin Atonal ou por The Quietus como un dos grandes compositores de drone ambient dos últimos tempos. Tamén entre eses xéneros poderiamos situar a figura do indiscutible pioneiro Suso Saiz, precursor en España da arte sonora, a música minimalista, os sintetizadores e o experimental, quen estará no festival presentando o seu último traballo ‘Rainworks’, editado o ano pasado no selo belga Music From Memory. Entre a batería de nomes destacados atópanse tamén Skee Mask, considerado herdeiro da escola de Warp Records ou Chain Reaction e cuxo recentemente lanzado ‘Compro’ figura nas quinielas para os mellores discos de 2018, ou os alemáns Kreidler, herdeiros do son de Kraftwerk ou NEU! con máis de 20 anos ás súas costas e que estarán a presentar o seu novo disco ‘European Song’, gravado nun só día en xaneiro do ano pasado. Entre os cabezas de cartel cabería contar tamén a Spectrum, alias do ex- Spaceman 3 Peter Kember, colaborador de My Bloody Valentine, Silver Apples ou Techno Animal entre outros, e ao rapero Oddisee, quen con varias decenas de referencias baixo o seu nome no seu case quince anos de carreira traerá a Galicia o seu novo álbum ‘The Iceberg’ (Mello Music Group, 2017), presentado recentemente no Sònar, unha chamada bailable, sincera e jazzistica á reflexión en temas como raza, política, riqueza e relixión. Pola súa banda, o trío de free jazz exploratorio compostelán Sumrrá presentará en primicia en WOS Festival x SON Estrella Galicia cun concerto único o seu novo album, editado polo selo neoiorquino Clermont Music. Tamén entre o jazz e a experimentación podería considerarse ‘Ahwar’, o disco de debut publicado a finais de 2017 da exipcia Nadah El Shazly, que valeu á súa autora ser considerada pola prensa especializada como unha das artistas revelación do último ano. Máis experimental aínda, creando xélidas paisaxes sonoras, a norteamericana de ascendencia grega Christina Vantzou presentará no festival xunto ao conxunto galego Vértixe Sonora o seu novo album para Kranky, ‘No. 4’. E, no que podería entenderse como outra punta do espectro musical, os británicos The Evil Usses, un cuarteto de Bristol eloxiado polos seus directos abrumadoramente salvaxes e enérxicos, cun son que se sitúa entre Captain Beefheart, Tortoise e Cardiacs.

O club será este ano unha parte forte do programa, con nomes como o o produtor e DJ norteamericano Ron Morelli, capo do selo neoiorquino L.I.E.S. Records, que chegará a WOS Festival x SON Estrella Galicia co seu novo disco en Hospital Productions (casa de Merzbow, Prurient ou Godflesh entre outros) recentemente publicado. O sábado, JASSS presentará ‘Weightless’ (Ideal, 2017), un traballo facturado en Berlín que conta con colaboracións como a artista chinesa Pan Daijing e que se gañou os eloxios de Wire Magazine ou Resident Advisor. Finalmente a lista péchase coa electrónica escura do galego Death Whistle e do francés Territoire, que estará a presentar en Galicia o seu album conceptual ‘Alix’ (Humo, 2018), así como os pratos do tamén galego afincado en Barcelona, e responsable do programa Canela En Surco, Abu Sou.

A cita anual da produtora compostelá WORK ON SUNDAY terá lugar entre o mércores 12 e o domingo 16 de setembro, con SON ESTRELLA GALICIA vinculando o seu nome ao do festival como patrocinador principal. Os abonos Weekend (venres, sábado e domingo) e Premium (que dan acceso aos cinco días do festival) poden ser adquiridos na tenda online de entradas desta web e en tres puntos de venda físicos seleccionados. As entradas dun só día serán postas á venda nas próximas horas.