Single Blog Title

This is a single blog caption

SEGUNDO ANUNCIO DE NOMES PARA A QUINTA EDICIÓN DE WOS FESTIVAL X SON ESTRELLA GALICIA


Os oito nomes sumados ao cartel da quinta edición de WOS Festival x SON Estrela Galicia seguen definindo as liñas da súa proposta, enmarcada pola súa vontade de presentar en Santiago de Compostela e en Galicia formas artísticas ao redor da música electrónica e a exploración, e avaladas polo recoñecemento de público e prensa fóra das nosas fronteiras. O Centro Galego de Arte Contemporánea, a Cidade da Cultura, o Teatro Principal, a Fundación Eugenio Granell, a Igrexa da Universidade, o Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego, o Mercado de Abastos, a sede da Fundación SGAE, a Sala Capitol e a Sala Malatesta serán os dez escenarios deste festival indoor de vocación transdisciplinar e proxección europea que celebra o seu quinto ano na capital galega.

A norteamericana Laurel Halo é un dos grandes nomes da electrónica da última década. Comparada en ocasións con Laurie Anderson, leva acumulando eloxios e recoñecemento desde a publicación do seu primeiro album, Quarantine, seleccionado por Wire como disco do ano en 2012, e a través de festivais e clubs de referencia en todo o mundo. O seu terceiro longo Dust (Hyperdub, 2017) foi celebrado por medios como The Guardian e Resident Advisor. A artista acaba de publicar hai poucos días o seu último traballo, o EP Raw Silk Uncut Wood (Latency, 2018).

Outro artista que encabeza a lista dos novos nomes engadidos ao cartel da cita compostelá é o de Spectrum, proxecto do ex- Spaceman 3 Peter Kember. O británico, toda unha figura de culto na música a través de diversas formacións desde finais dos anos 80, conta no seu diario de a bordo con colaboracións con nomes como My Bloody Valentine, Silver Apples ou Kevin Martin de Techno Animal entre outros.

WOS Festival x SON Estrela Galicia acolle o primeiro concerto en España de Abul Mogard, unha figura tan misteriosa como encomiada, da que se conxectura que é un traballador serbio do aceiro que comezou a súa traxectoria artística tras a súa xubilación. A extática beleza do seu traballo foi celebrada en Berlin Atonal ou por The Quietus como un dos grandes compositores de drone ambient dos últimos tempos. O seu directo estará acompañado polas visuais da artista brasileira afincada en Londres Marja de Sanctis.

O produtor e DJ norteamericano Ron Morelli, capo do selo neoiorquino L.I.E.S. Records, chegará a WOS Festival x SON Estrela Galicia co seu novo disco en Hospital Productions (selo con referencias de Merzbow, Prurient ou Godflesh entre outros) recén publicado. Na súa faceta como DJ, Morelli móvese por terreos techno, house ou mesmo disco, sempre por diante das expectativas que xera a fama que lle precede.

O rapeiro Oddisee leva acumulados nos seus case quince anos de carreira 37 referencias baixo o seu nome. Fiel ao estilo costa Este de A Tribe Called Quest ou De La Soul, o seu son vén envolto de cadencias jazzisticas e bailables, e as súas letras non falan de drogas, violencia e diñeiro, senón que abordan con sabedoría e honestidade temas como o racismo ou a islamofobia. O seu último álbum, The Iceberg (Mello Music Group, 2017), presentado recentemente no festival Sònar, é unha chamada aos seus oíntes para profundar en temas como raza, política, riqueza e relixión.

Ahwar, o disco de debut publicado a finais de 2017 da exipcia Nadah El Shazly, valeulle á súa autora ser considerada como unha das artistas revelación pola prensa especializada, portada de Wire Magazine incluída. Jazz, experimentación electrónica e o maqam arábico (o sistema de modos melódicos usado na música árabe tradicional), conforman a paleta sonora desta artista, parte dunha nova xeración de músicos que está a renovar o ideario musical árabe a partir da experimentación coas melodías e escalas tradicionais.

Pola súa banda, o trío de free jazz exploratorio Sumrrá, con 18 anos de traxectoria, seis discos editados, e centos de concertos por todo o mundo ás súas costas, presentan en primicia cun concerto único en WOS Festival x SON Estrela Galicia o seu novo disco, editado de novo polo selo neoiorquino Clermont Music. “Sumrrá 6 Mulleres” rende tributo a seis mulleres poderosas: Frida Kahlo, Rosa Parks, Rosalía de Castro, Qiu Jin, Malala Yousafsai e Nawal El-Saadawi. Para a ocasión concibiron un espectáculo único de videocreación en vivo con visuais de Laura Iturralde acompañando ás músicas que integran o álbum.

E pechan a lista de novos nomes os británicos The Evil Usses, un cuarteto psicodélico-experimental de Bristol eloxiado polos seus directos abrumadoramente salvaxes e enérxicos, cun persoal son que se sitúa nalgún lugar entre Captain Beefheart, Tortoise e Cardiacs.

Estes oito novos nomes súmanse aos oito artistas previamente anunciados, e aos que a organización seguirá engadindo nas próximas semanas, así como o cartel dos programas paralelos de cinema, charlas e encontros. A cita anual da produtora compostelá WORK ON SUNDAY terá lugar entre o mércores 12 e o domingo 16 de setembro, con SON ESTRELA GALICIA vinculando o seu nome ao do festival como patrocinador principal. Os abonos Weekend e Premium poden ser adquiridos online na área de compra de entradas da web, e en tres tendas físicas seleccionadas: Discos Portobello (A Coruña), A Reixa Tenda (Santiago de Compostela) e Discos Elepé (Vigo).

Podes consultar aquí a lista completa de artistas revelados polo momento.