fbpx

Single Blog Title

This is a single blog caption

HOLLY HERNDON, LOSCIL E KALI MALONE, NO PECHE DE CARTEL DE WOS 2019


O cartel do programa troncal de música e de artes visuais e tecnolóxicas desta edición inclúe nomes destacados como Holly Herndon, Drew McDowall, Rafael Anton Irisarri, Plaid ou Gazelle Twin, entre outros. Todos os horarios están xa dispoñibles na web do festival.

Revélase tamén o programa de paneis de discusión e encontros con artistas, propoñendo seis mesas de entrada libre que buscan complementar o cartel musical e tecnolóxico do evento.

DERRADEIROS NOMES DO CARTEL

CHAGO (ES) / O artista compostelán Iago Pedreira é un axitador contracultural en continua procura de novos estímulos. O seu inconformismo levouno a explorar as marxes máis recónditas da música apostando por sons difíciles de categorizar, fuxindo de clichés e exhibindo con coherencia unha actitude de rexeitamento cara ao preestablecido. Pedreira é tamén un dos artífices tras Codex Club, un monstro bicéfalo que se nutre de artistas locais e internacionais que deambulan entre o risco e a experimentación, afastados de modas e circuítos anquilosados. Chago propón no seu híbrido live/ djset unha formulación allea a calquera canon.

HOLLY HERNDON: PROTO (USA) / Holly Herndon é considerada unha das artistas multidisciplinares máis interesantes da última década, recoñecida pola súa exploración os límites do pop electrónico e de vangarda. A estadounidense acaba de publicar ‘PROTO’ (maio de 2019, 4AD), un disco que se espera en moitas listas dos mellores álbums do ano, e que foi concibido, ademais de como álbum, como espectáculo. Creado man a man co seu propio “bebé” de IA, Spawn, ‘PROTO’ pon a proba os límites entre a creatividade humana e a intelixencia artificial. Para o proxecto, Herndon reuniu un equipo de expertos en aprendizaxe automática, cantantes, coreógrafos, artistas visuais, desarrolladores e unha intelixencia non humana para crear un traballo que se expande sobre procesamento vocal en directo e a canción folk atemporal. O espectáculo inclúe procesos de IA sen precedentes desenvoltos ex profeso para a xeración de son, o procesamento vocal e a manipulación visual.

KALI MALONE (USA/ SW) / Afincada en Estocolmo, Kali Malone é unha compositora e música estadounidense que a través da síntese analóxica e dixital, dentro de marcos de composición con afinacións únicas e fenómenos psicoacústicos, explora a interacción dentro da instrumentación electroacústica: instrumentos de vento de madeira xunto a un sintetizador Buchla 200, cuartetos de corda con ondas sinusoidales ou un órgano de tubos microfoneado. O traballo de Malone presentouse en Berlin Atonal, Moogfest ou Cafe Oto, é colaboradora habitual de Caterina Barbieri, da sueca Ellen Arkbro, e participa no proxecto de ruído Sorrowing Christ. Acaba de publicar ‘The Sacrificial Code’ (xuño de 2019) en iDEAL.

KONX- OM- PAX (UK/ GER) / Tom Scholefield é coñecido como o famoso deseñador de portadas e vídeos para artistas e selos experimentais e de música electrónica como Oneohtrix Point Never, Hudson Mohawke ou Kuedo. Pero mentres exerce o seu oficio, Scholefield estivo labrándose un fogar na escena de Glasgow, organizando concertos a Autechre ou Squarepusher. Como produtor ten tres LPs publicados, o último dos cales, “Ways of Seeing” (2019), foi descrito como unha “reinvención das orixes do techno de Berlín”. A súa versión multidimensional da expresión artística fúndese nun mundo visual que é á vez emocional e futurista.

LOSCIL (CAN) / Scott Morgan é un compositor, deseñador de son e artista multimedia que vive en Vancouver, Canadá. Morgan combinou o seu activo papel na escena musical independente de Vancouver cos seus estudos de composición académica na Universidade Simon Fraser, culminando coa creación do seu proxecto Loscil a finais da década de 1990. Morgan publica principalmente música a través do selo de Portland Kranky, incluíndo o seu duodécimo álbum de longa duración, ” Equivalents”, publicado en agosto de 2019. Compuxo para cinema, danza e videoxogos e realizou xiras en todo o mundo, incluídos festivais tan apreciados como Mutek, Le Guess Who, TodaysArt, Son, Decibel e Big Ears.

WOS TALKS X FEST GALICIA

O programa de paneis, patrocinado por Fest Galicia, ofrece este ano seis encontros con artistas e mesas de debate e reflexión, que, como cada ano, serán de entrada libre. O programa de WOS TALKS X FEST GALICIA terá lugar na Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea – CGAC, e a sede de Afundación.

WORK IN PROGRESS: O FUTURO DOS FESTIVAIS MUSICAIS / O formato festival consolidouse como o gran evento musical capaz de concentrar ideas, conceptos e todo tipo de públicos. Concíbense como encontros multitudinarios non só centrados no pracer hedonista ou o consumo, senón que ademais deben transmitir unha personalidade, unha mensaxe. Cara a onde se dirixe o formato? Os nosos invitados reflexionarán sobre a idea xeral e as súas consecuencias. Un diálogo proactivo sobre o futuro dos festivais e as súas posibles vías de crecemento.

ENCONTRO CON RENICK BELL / As denominadas “algoraves” levan anos sendo expresión dun movemento cultural e artístico edificado sobre o live-coding e a interacción entre o público e o machine-learning. Renick Bell, programador, profesor e músico asentado en Tokio, leva máis dunha década de investigación na que música electrónica e intelixencia artificial conversan entre si, levándolle a destacar como un dos grandes nomes do movemento. Bell mostraranos as entrañas do seu set up, dará unha introdución ao seu modo de pensamento e presentará as ferramentas fundamentais que emprega no seu traballo.

ENCONTRO CON DREW MCDOWALL / A traxectoria de Drew McDowall fala de actitude, metodoloxía e un compromiso único coa experimentación. O seu paso por Psychic TV, a súa profunda amizade con Genesis P-Orridge, Coil e os seus recentes anos en Nova York son algúns dos fitos sobre os que conversará co xornalista e escritor César Estabiel. Falar con Drew é facelo cunha sección importante do desenvolvemento das vangardas musicais en Europa a partir da asimilación dos códigos punk.

UTOPÍAS FOLK: A VALIDEZ DA TRADICIÓN E AS RAÍCES MUSICAIS NOS TEMPOS DA DESCENTRALIZACIÓN / En tempos nos que a identidade cultural dilúese e calquera brote artístico localizado é susceptible de ser engulido polo márketing, vemos como nalgunhas zonas do globo séguese respectando o folclore como base musical. Sería posible unha nova linguaxe feita con instrumentos procedentes de cada rexión ou estamos ante unha utopía?

POLÍTICAS DE CLUBBING: INCLUSIVIDAD, CLUBS NÓMADES E CONFRONTACIÓN DO NOVO ELITISMO / Un debate sobre como está a cambiar a nosa imaxe de “clube” ou “espazo clube” a nivel internacional coa aparición de entidades como JANUS, GHE20G0TH1K, etc: festas nómades onde o baile concíbese doutra forma igual de liberadora, pero á vez renovada. Festas inclusivas ao 100% que loitan por non parecer elitistas pero que xeran as súas propias esferas da mesma forma, sen centrarse unicamente nun único espírito ou estilo musical como referente.

DIGGIN’ OUR OWN CRATE: APROPIACIONISMO CULTURAL, ÉTICA DO SAMPLING E COLECCIONISMO RESPONSABLE / O coleccionismo e o crate diggin’ transformáronse na última década coa entrada de factores dixitais: o mercado de Discogs ou a venda online converteron o vinilo nun escenario conformado por pequenos nichos que comparten o fetichismo por encima da omnipresencia dos servizos de streaming. A cosificación do vinilo e das obras musicais creou unha burbulla e elite de selectores e tendas de discos que crece á marxe da realidade das bibliotecas de mp3 infinitas. Pero, que consideracións éticas poden afectar a esta práctica? Existe un diggin’ moralmente sustentable e coherente?

PROGRAMAS PARALELOS

Presentado anteriormente, o programa WOS CINEMA X NUMAX, co patrocinio de Gadis, presenta tres películas en torno á arte sonora e a exploración musical. As películas requirirán dunha entrada independente adquirible a través da web de NUMAX, e están abertas ao público xeral (non requiren ter unha entrada ou abono do festival), aínda que as persoas con abono Premium do festival gozarán dun desconto especial. O programa de cinema do festival incluirá a celebrada ‘RYUICHI SAKAMOTO: CODA’, a estrea en España da primeira entrega sobre John Zorn do cineasta Mathieu Amalric, ‘ZORN I (2010-2017)’, e a galega ‘7 LIMBOS’, presentada polos seus directores Alexandre Cancelo e Berio Molina e un dos seus protagonistas, Miguel Prado.

O programa WOS SHOWCASE X JÄGERMUSIC, pola súa banda, presenta unha selección de cinco artistas galegos destacados na produción musical explorativa, contemporánea e de vangarda: Xoan Xil baixo o nome XISELR, a coruñesa afincada en Bruxelas CLARA!, o dúo galego-británico HARRGA, a chelista MARGARIDA MARIÑO e o compostelán CHAGO.

O programa WOS CLUBBING reune a catro grandes nomes da electrónica: KODE9, fundador e director da discográfica Hyperdub, BILL KOULIGAS, fundador e director do discográfica PAN, KONX-OM-PAX, responsable da imaxe gráfica de artistas como Oneohthrix Point Never, e o supercombo formado por ELENA COLOMBI B2B OLIVIA, por segunda vez xuntas tras a súa arrasadora sesión no festival Unsound do ano pasado.

Co peche do cartel e os seus programas paralelos comeza a recta final para a sexta edición da cita anual da axencia compostelá WORK ON SUNDAY. Este ano terá lugar entre o mércores 11 e o domingo 15 de setembro, de novo co apoio de SON ESTRELLA GALICIA vinculando o seu nome ao do festival como patrocinador principal. Os abonos Weekend (venres, sábado e domingo) e Premium (acceso aos cinco días de festival) aínda poden ser adquiridos a prezo de anticipada en wosfestival.es e na web de Resident Advisor. As entradas de día xa están tamén á venda na web do festival.