fbpx

Novas

PRIMEIROS NOMES WOS FESTIVAL X SON ESTRELLA GALICIA 2019


Santiago de Compostela será de novo, durante cinco días, o epicentro da exploración ao redor da música electrónica e de vangarda a través dun programa centrado no diálogo entre diferentes disciplinas da arte contemporánea e a creatividade dixital, así como de contidos paralelos de cinema, charlas e performance.

A sexta edición do compostelán WOS Festival x SON Estrella Galicia comeza a súa conta atrás. O festival, que este ano terá lugar entre o 11 e o 15 de setembro, volverá situar a Compostela como epicentro da exploración contemporánea e a creatividade de vangarda, enchendo a cidade durante cinco xornadas con preto de medio centenar de actividades distribuídas en diferentes espazos, todos eles a pouca distancia da catedral, nun barrio histórico declarado Patrimonio da Humanidade. Os espazos inclúen dous museos, dous teatros, unha igrexa do século XVIII, edificios de arquitectura contemporánea singular, o mercado municipal de abastos, dúas salas de concertos e unha sala de cinema independente, entre outros lugares destinados a crear experiencias únicas para audiencias reducidas.

Primeiras confirmacións

Os dez primeiros nomes que integran o cartel desta sexta edición do festival inclúen ao veterano Drew McDowall (Coil), presentando unha reinterpretación da obra referencial do drone ‘Time Machines’ xunto ás visuais en directo da artista Florence To; ás djs Elena Colombi (NTS) e Olivia man a man aos pratos; as presentacións dos novos traballos de Rafael Antón Irisarri, Gazelle Twin, Eli Keszer e Mary Lattimore; ao artista revelación Bendik Giske; aos británicos Vels Trio; ao dúo británico-galego Harrga, e á pianista catalá Marina Herlop.

BENDIK GISKE (NO/DE) é un artista e saxofonista queer que usa a corporalidade, a vulnerabilidade e a resistencia como ferramentas de expresión. Giske toma as estruturas constitutivas da música electrónica e reprodúceas en vivo co seu saxofón, sen capas nin loops, permitindo aos fallos humanos manifestarse. Cita como referencias os arpegios de Lindstrom e a respiración circular de Evan Parker, conseguindo coa combinación destes dous extremos a fusión do free jazz e a música club.

DREW MCDOWALL & FLORENCE TO (UK) PRESENTAN ‘TIME MACHINES’. Durante a tumultuosa década de 1980 Drew McDowall formou parte do colectivo Psychic TV, para pronto sumarse ao excreador de Throbbing Gristle Peter Christopherson e ao enigmático John Balance na banda de música electrónica esotérica e progresiva Coil. Estará en Compostela presentando unha reinterpretación da obra capital do drone ‘Time Machines’ xunto ás visuais en directo de Florence To, quen integra luz e motion graphics xenerativos en torno ao deseño arquitectónico específico de cada espazo, dacordo ás súas investigacións en psicoacústica e neurociencia.

ELENA COLOMBI (IT)  B2B OLIVIA (PL). A respectada dj e locutora da emisora NTS Elena Colombi destaca pola súa selección allea a toda tendencia, empregando ritmos industriais, techno, ambient ou proto-house. Xuntarase por segunda vez sobre uns pratos coa polaca Olivia, dj residente de Unsound e unha das figuras crave da escena club de Cracovia grazas á súa idiosincrásica selección de pistas e excelentes habilidades técnicas coas que viaxa desde un techno cru e escuro á simplicidade do electro e a calidez do house, desde o techno de Detroit, pasando polo distintivo son holandés, ebm, industrial, cold wave, acid, electro, synth e house.

ELI KESZLER (USA). Baterista e compositor afincado en Nova York, o traballo de Keszler vira en torno ao espazo e lida coa interacción entre o son e a contorna, conseguindo transformar a través das súas actuacións, gravacións e instalacións os espazos físicos e virtuais. A interpretación de Keszler é imaxinativa, e as súas pezas transmiten un espectro de dinámicas emocionais que van desde o épico ata o íntimo.

GAZELLE TWIN (UK). Gazelle Twin estará en WOS Festival x SON Estrella Galicia presentando o seu novo álbum, ‘Pastoral’, publicado en setembro de 2018. A artista Elizabeth Bernholz asina un álbum rebosante de tropos musicais tradicionais e contemporáneos; desde instrumentos arcaicos – o clavecín e a humilde gravadora – ata a aplicación do sample-looping contemporáneo. Máis aló das infusións corais, que aquí reverberan como unha retorta misa dominical, aprécianse sombras do house dos 90 e dunha outrora próspera escena rave refuxiada no rural. Para todo isto, Gazelle Twin constrúe unha encarnación visual excéntrica e impoñente de todo o anterior: un disfrace apropiado para un bufón de corte do século XXI.

HARRGA (UK/ES) é o proxecto Miguel Prado (Nzumbe) e Dali de Saint Paul (EP/64, Viridian Ensemble e DSC), quen ante a escalada da crise migratoria decidiron render homenaxe aos ‘Harragas’ (persoas que cruzan as fronteiras ilegalmente e queiman os seus papeis, perdendo así a súa identidade). En maio de 2019, lanzaron o seu álbum debut ‘Héroïques Animaux da Misère’, cunha colaboración de Moor Mother. Dali de Saint Paul mestura poética e política, cantando en francés, darija e inglés. Cospe con lume e furia, aínda que hai unha compaixón tanxible nas súas dolorosas lamentacións. Combinados co singular deseño noise de Miguel Prado, evocan unha visión feroz e completamente anómala da música industrial contemporánea.

MARINA HERLOP (ES), pianista de formación clásica e delicada destreza, dedicouse a desmontar teorías e esnaquizar os límites da súa propia proposta. En ‘Babasha’ ( Aloud, 2018) a artista catalá sumaba ás súas peculiares composicións ao piano capas de electrónica brillante e sintetizadores, fiadas por unha voz única e luminosa, máis atrevida e arriscada que nunca. Actualmente atópase terminando a súa terceira referencia, radicada na introdución de ferramentas electrónicas no seu proceso de composición e produción.

MARY LATTIMORE (USA) é unha artista residente en California que conxura coa súa arpa formas abstractas que evocan recordos, paisaxes e alusións. A súa música explora un reino de narracións sen palabras e indefinidos relatos de viaxe, onde, coa axuda de efectos e voces ocasionais, as improvisacións de arpa transfórmanse en cancións espectrais. Na actuación en vivo, Lattimore revela a maxia impresionista do seu instrumento, difuminando a técnica clásica e a electrónica ambiental.

RAFAEL ANTON IRISARRI (USA). Compositor, multi-instrumentista e produtor establecido en Nova York, Rafael Anton Irisarri, é un referente da música post-minimalista, drone e electrónica. Descrito por Drowned In Sound como “un dos artistas máis soados da música ambient contemporánea” e por Pitchfork como “un novo tipo de compositor que mestura indiferenciadamente pop, tecno e clásica”, a música de Irisarri a miúdo ten unha calidade lúgubre, elegíaca, profundamente emotiva e épica. Combinando amplificadores, múltiples altofalantes, sintetizadores, guitarras, computadores, imaxes de vídeo e iluminación, Irisarri descontextualiza a relación da audiencia co lugar, creando unha contorna envolvente e doutro mundo.

VELS TRIO (UK). A través dunha inaplacable sede de improvisación, o son do grupo Vels Trio caracterízase polos seus ritmos pesados, as súas composicións cargadas de emoción, e unha musicalidade moderna e expresiva construída con estruturas de son frenéticas e irresistiblemente atractivas. Imposibles de etiquetar, as paixóns e forzas individuais do grupo acharon o seu camiño a través do progresivo, a electrónica, jazz, funk e hip-hop.

Comeza así a conta atrás para a cita anual da produtora compostelá WORK ON SUNDAY que se celebrará entre o mércores 11 e o domingo 15 de setembro, co apoio de SON ESTRELLA GALICIA vinculando o seu nome ao do festival como patrocinador principal. A organización seguirá revelando ao longo das próximas semanas máis nomes para o cartel, tanto sonoro como para os programas paralelos de cinema, charlas e encontros. Os abonos Weekend (venres, sábado e domingo) e Premium (acceso aos cinco días de festival) poden ser adquiridos a prezo de anticipada en wosfestival.es/entradas-y-abonos.