fbpx

TERCEIRA ROLDA DE NOMES E PROGRAMA DE WOS CINEMA X NUMAX


Con este anuncio suman 24 os artistas confirmados para o programa troncal de música e de artes visuais e tecnolóxicas desta edición, que inclúen nomes como Drew McDowall, Rafael Anton Irisarri, Plaid, Gazelle Twin ou Lafawndah, entre outros. A lista completa de artistas pode ser consultada na web do festival.

AMNESIA SCANNER (FIN / GER) / Amnesia Scanner é un dúo musical, grupo de performance, estudo de deseño de experiencias e produtora cuxo enfoque baséase nunha perspectiva única sobre a tecnoloxía e a forma na que esta media na experiencia contemporánea. As vulnerabilidades do sistema, a sobrecarga de información e o exceso sensorial informan o seu traballo, que atopa un fogar tanto en clubs como en galerías. As súas tácticas de pista de baile e unha colección abrasiva de ferramentas de criptorave mestúranse por primeira vez no seu novo álbum ‘Another Life’ (setembro de 2018) con estruturas pop esculpidas por unha produción de vangarda. Estarán en WOS presentando o espéctaculo audiovisual titulado ‘AS Oracle Live Show’. LIVE A/V

BILL KOULIGAS (GR / GER) / Bill Kouligas é coñecido por ser fundador, comisario e director artístico da plataforma multidisciplinar e selo discográfico PAN, casa de artistas como Pan Daijing, Le Gamble, MESH, Objekt, Puce Mary, Errorsmith, Visionist ou Yves Tumor entre moitos outros. Baixo varios alias, nos últimos quince anos Kouligas produciu, compuxo e publicou a súa propia música e actuou en lugares como o ICA de Londres, MoMA PS1 ou V&A Museum, así como en festivais e institucións como Berghain, Mutek, Unsound, Transmediale ou CTM. A visión que imprime a todos os seus proxectos pon de manifesto a súa capacidade para empuxar os límites dos xéneros musicais a territorios descoñecidos.

BLANCK MASS (UK) / Benjamin John Power (a metade de Fuck Buttons) estivo facendo música baixo o nome de Blanck Mass desde 2010. En 2012, ‘Sundowner’, a segunda canción do seu álbum de debut, puxo a banda sonora á cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de Londres. Tras engadir outros dous álbums, Power prepara o lanzamento do seu cuarto LP como Blanck Mass, ‘Animated Violence Mild’, o terceiro que publica en Sacred Bones, que sairá á luz o próximo16 de agosto, e do que xa se adiantaron 3 temas. Estará acompañado polas visuais en directo de Dan Tombs. LIVE A/V

CLARA! (ES) / Parte do colectivo prankster con sede en Bruxelas PRR! PRR!, a galega Clara! manufactura mesturas que incorporan música de diferentes orixes e contornas culturais, coa curiosidade, o humor e un rotundo amor polo baile como guía. Mesturando ritmos desde os anos 90 ata a actualidade, repletos de rudas percusións e hooks extraidos de éxitos envoltos en parodias e edicións moi persoais, no seu primeiro EP en solitario, “Clara! e Maoupa – Meneo” (Gravats, 2018) Clara! canta con ira, sarcasmo e sedución sobre os seus propios ritmos de reggaeton.

KODE9 (UK) / Steve Goodman comezou o selo discográfico Hyperdub en 2004, famoso por albergar artistas como Burial, Laurel Halo, Lee Gamble ou Dean Blunt entre moitos outros. Como DJ, Kode9 fai vibrar cousas coas que outros DJs só poden soñar. As súas primeiras sesións e programas de radio axudaron a difundir o son do sur de Londres a nivel internacional na década de 2000, e hoxe en día os seus sets tecen impredicibles mesturas con graves pesados que beben musicalmente de campos moi afastados.

MARGARIDA MARIÑO (ES) / Nada en Vigo e licenciada no Conservatorio Liceo de Barcelona, a exploración dos límites sonoros e estéticos do violoncello de Mariño levouna a experimentar con xéneros onde o seu instrumento non é tan común. A súa proposta en solitario presenta un repertorio orixinal para cello e pedais de efectos e loops cos que logra crear texturas únicas e complexas orquestracións que dan lugar a un estilo moi persoal no que xéneros tan aparentemente diverxentes como o postrock, o triphop ou a música clásica vibran cunha soa voz.

WOS CINEMA X NUMAX

Co patrocinio de Gadis, WOS presenta un programa de tres películas en torno á arte sonora e a exploración musical. As películas requirirán dunha entrada independente adquirible a través da web de NUMAX, e están abertas ao público xeral (non requiren ter unha entrada ou abono do festival). As persoas con abono Premium do festival gozarán dun desconto especial.

“7 LIMBOS” (2019, Alexandre Cancelo e Berio Molina) /Sete grupos de enmascarados percorren diferentes paisaxes. Cos seus movementos golpean o chan das cidades e fan vibrar as súas estruturas, modificando a paisaxe sonora que escoitan os seus habitantes. Contemplan en silencio o colapso das ruínas mentres asisten á morte do legado utópico dos seus creadores, revelando as voces que foron separadas da linguaxe, os ruídos que foron quitados dos obxectos. ‘7 Limbos’ é unha viaxe sonora polas veladuras do espectral.

“RYUICHI SAKAMOTO: CODA” (2017, Stephen Nomura) / Entre as inspiracións que recolle “Ryuichi Sakamoto: Coda” atópanse as composicións corais para órgano de Bach, as películas e fotografías de Andrei Tarkovsky, as palabras de Paul Bowles e J. Robert Oppenheimer, e sons da natureza recompilados en lugares tan afastados como un glaciar do Círculo Polar Ártico ou o lago Turkana, Kenia. Realizada ao longo dun período de cinco anos durante o cal o compositor xaponés foi diagnosticado e tratado un cancro de garganta, a película presenta un retrato afectuoso e reflexivo que raramente se mostra persoal e, con todo, irradia sinceridade.

“ZORN I (2010-2017)” (2017, Mathieu Amalric) / En eterno proceso. Así podería describirse o traballo do actor e director Mathieu Amalric xunto ao mítico músico de Queens (NYC) John Zorn. En 2009, a canle de televisión Arte propuxo a Amalric filmar un retrato sobre a figura de Zorn. Pronto ambos artistas danse conta de que un encargo así “sería como encerrar a un animal salvaxe nun zoo” (en palabras do propio Amalric), pero o desexo de filmar quedou. Así, durante oito anos, Amalric e Zorn rexistran de forma absolutamente libre cada un dos seus encontros, nun universo musical sempre en proceso; sen final. ESTREA EN ESPAÑA

Con estes novos nomes e títulos continúa a conta atrás para a cita anual da produtora compostelá WORK ON SUNDAY que se celebrará entre o mércores 11 e o domingo 15 de setembro, co apoio de SON ESTRELLA GALICIA vinculando o seu nome ao do festival como patrocinador principal. A organización pechará proximamente o cartel sonoro cos últimos nomes, e anunciará os programas paralelos de charlas. Os abonos Weekend (venres, sábado e domingo) e Premium (acceso aos cinco días de festival) aínda poden ser adquiridos a prezo de anticipada na zona de compra de entradas desta web e na web de Resident Advisor.

1 2 3 15