Single Blog Title

This is a single blog caption

COMUNICADO WOS FESTIVAL X SON ESTRELLA GALICIA


As crises obrígannos a replantexarnos que consideramos importante e cales son as nosas prioridades, revisar se estabamos a vivir a nosa vida de acordo a como queremos vivila. Fórzannos a poñer en perspectiva as cousas que nos ocupaban e preocupaban, e a confrontar o individual e particular co colectivo e global. Aínda que son dolorosas e poden ser traumáticas, compartimos a idea de que poden conter un reverso beneficioso e poñer en marcha cambio e transformación.

A irrupción do Covid-19 supuxo un terremoto como nunca viviramos a todos os niveis: social, económico, individual, colectivo. No ámbito cultural a súa repercusión aínda é descoñecida, e asistimos cada día ao zumbido dun enxame de mentes que se esforza por analizar, predicir, buscar respostas creativas e tentar tomar o volante do que está por vir.

Para un proxecto como WOS Festival, feito desde o mimo, o sacrificio e coa responsabilidade como luz de faro, as certezas emerxen do persoal. Sabiamos que a forza de WOS reside en rexerse por uns valores que van máis aló dos intereses comerciais. Para nós, o achegamento físico, a comuñón entre artistas e asistentes, e a integración de todas estas persoas no tecido urbano, é un dos alicerces fundamentais do evento. A experiencia inclúe pasear polas rúas, sentir fisicamente Santiago de Compostela, degustar a súa gastronomía, deixarse levar, e mergullarse en propostas que a miúdo nos convidan á reflexión ou a un goce responsable; unha maneira de vivir o lecer na que o suxeito recupera a súa condición de suxeito. Baixo esas premisas, garantir o benestar de artistas, asistentes e traballadores do que ía ser a sétima edición de WOS entre o 9 e o 13 do próximo setembro, parece inviable a día de hoxe, e ofrecer unha versión rebaixada desa experiencia sería vender un subproducto diluído, desvirtuado, moi por baixo desa proposta sincera e entregada que é o principal activo que WOS ten que achegar.

A sétima edición de WOS Festival x SON Estrella Galicia, programada para setembro de 2020 non terá lugar este ano. No contexto actual non consideramos adecuado contratar nin anunciar artistas, senón que cremos que debemos centrar o foco do proxecto no seu papel como foro para o discurso e o pensamento, e poñer sobre a mesa a pregunta de como o que estamos a vivir cambiou e vai cambiar as nosas vidas. Proximamente anunciaremos a data da única área de programa que se celebrará este ano, a área de pensamento e discurso, que ademais de presencial como cada ano tamén poderá seguirse online.

En WORK ON SUNDAY sempre cremos nas persoas e as empresas como eixos transformadores da sociedade. Agora máis que nunca sentimos a necesidade de comprometernos activamente coa nosa responsabilidade para mellorar o noso medio ambiente e calidade de vida, así como o das xeracións futuras, impulsando un cambio positivo a través do pensamento e a acción sostible. É por iso, que nos gustaría convidarvos a apoiar coa cantidade que consideredes algunha das iniciativas dedicadas a protexer o medioambiente e a biodiversidade, unha a nivel global e outra a nivel local, coas que colaboramos: Plant for the Planet e 100×100 Natural da Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Coidádevos moito e sede responsables. Vémonos en setembro!