SUMRRÁ & LAURA ITURRALDE


SUMRRÁ & LAURA ITURRALDE / ES

LIVE A/V

Con 18 anos de traxectoria, 6 discos editados, e centos de concertos por todo o mundo ás súas costas, Sumrrá está considerado coma un dos novos referentes do jazz contemporáneo, levando ata os seus límites a exploración e composición do formato piano trío. Manuel Gutierrez ó piano, Xacobe Martínez Antelo ó contrabaixo e LAR Legido á batería, Sumrrá, presentan oficialmente cun concerto exclusivo en WOS Festival x SON Estrella Galicia o seu sexto album, editado de novo polo selo neoiorquino Clermont Music, gravado por primeira vez en estudio, e cun corte manifestamente feminista: “SUMRRÁ 6 MULLERES”. Nel, o trío de Compostela rinde tributo a seis mulleres poderosas que constitúen unha fonte de inspiración na loita por un futuro mellor para toda a humanidade: Frida Kahlo e Rosa Parks de América, Rosalía de Castro de Galicia, Qiu Jin de China, Malala Yousafsai de Pakistán e Nawal El-Saadawi de Exipto. O disco rende tributo á loita feminista dende a música contemporánea do século XXI feita en Galiza. Para esta ocasión tan especial presentarán un espectáculo único de videocreación ao vivo acompañando ás músicas que integran o álbum con visuais de Laura Iturralde.

Escenógrafa, fotógrafa, iluminadora e videojockey, Laura Iturralde é Técnica Superior en Imaxe, Técnica Superior en Gráfica Publicitaria e Titulada Superior en Arte Dramática na especialidade de Escenografía. Desenvolve a súa actividade profesional en diversos eidos, maioritariamente relacionados coas artes escénicas, nos que se ocupa da parte plástica e técnica como iluminadora, escenógrafa e videocreadora. Nos últimos anos traballa  en diferentes compañías coma Xarope Tulú, Cía Prácido Domingo, Inversa Teatro, Cía Borja Fernández, A Apanadaría ou IlMaquinario.  Como videojockey forma parte do trío acústico Trilitrate, o dúo Nostoc xunto con Mateo Mena e de Corvax xunto con Xavier Núñez. Colabora tamén na parte visual con diversas bandas como Pálida, Cuarteto Caramuxo, Taller Atlántico Contemporáneo ou Cró! En 2018 gaña o premio María Casares á mellor escenografía xunto con Montserrat Piñeiro polo seu traballo en Resaca, de IlMaquinario.

Sumrrá
Website | Facebook | Twitter | Spotify

Laura Iturralde
Website

 

ESTREA MUNDIAL

Portas abertas 20 minutos antes do comenzo do espectáculo. Sen reserva de asento. Entrada por orde de chegada ata completar capacidade.

☰ MÉRCORES 12 | 21:00 | TEATRO PRINCIPAL ☰