NADAH EL SHAZLY



NADAH EL SHAZLY / EGY

A explosión da escena musical do Cairo é imparable, e Nadah El Shazly é a última sensación, portada de WIRE incluída. O espírito sonoro de Nadah El Shazly nace entre os rasgados de guitarra, as melodías disonantes e unha complexa percusión. Ao redor desta tríada interconéctanse jazz, experimentación electrónica e o maqam arábico (o sistema de modos melódicos usado na música árabe tradicional), movéndose con axilidade entre extremos, obviando estruturas formais e convencionalismos, e atravesando os conceptos de tradición e improvisación. Os elementos, os coros e os efectos chegan e desaparecen formando o aura da que nace a cativadora presenza da artista do Cairo.

El Shazly comezou cantando en bandas de punk e ós poucos foise facendo un nome na escena  underground do Cairo. “Ahwar”, que en arábico significa “mariñas”, é o seu álbum debut, unha obra que esconde dous anos de traballo xunto a Maurice Louca e Sam Shalabi. A artista pertence a unha nova xeración de músicos que está a renovar o ideario musical árabe a partir da experimentación coas melodías e escalas tradicionais, sometendo á tradición a un obrigado entendemento coas novas tendencias electrónicas sen comprometer a súa beleza acústica.

Facebook | Bandcamp

☰ SÁBADO 15 | 19:00 | FUNDACIÓN EUGENIO GRANELL ☰