fbpx

GAZELLE TWIN



GAZELLE TWIN / UK

Forxado nun idilílico paraxe rural no centro de Inglaterra, o novo álbum de Gazelle Twin, Pastoral, exhuma o pasado podrecido de Inglaterra e acende un facho sobre o seu cada vez máis escuro presente. Publicado en setembro de 2018, Pastoral é unha narración coral e vernácula a través dun grupo de voces multixénero. A artista, Elizabeth Bernholz, presenta a idea de que “tras cada idilio hai horror, e o perigo axexa máis aló do pintoresco”. A praza do pobo, durante séculos lugar preferente para torturas públicas, convértese nunha postal floral, engalanada para a Festa de Verán. Murmurios de vitriolo vibran con suavidade no medio dunha charla no salón de té, mentres a imaxe pastoral tan coidadosamente enmarcada disólvese nun tedio solemne.

Tras unha xestación catro anos, e sorteando eventos que cambiaron a súa vida, Pastoral nace como sucesor ao aclamado primeiro LP da artista, UNFLESH (2014). Gazelle Twin asina un álbum rebosante de tropos musicais tradicionais e contemporáneos; desde instrumentos arcaicos – o clavecín e a humilde gravadora – ata a aplicación ritual e convincente do sample-looping contemporáneo. Máis aló das infusións corais, que aquí reverberan como unha revirada misa dominical, aprécianse sombras do house dos 90 e dunha outrora próspera escena rave refuxiada no rural. Para todo isto, Gazelle Twin constrúe unha encarnación visual excéntrica e impoñente de todo o anterior: un disfrace apropiado para un bufón da corte do século XXI. As cores do neonacionalismo, as latas de Coca-Cola e o perigo.

Website | BandcampFacebook Twitter Instagram Youtube Spotify Soundcloud

[ SÁBADO 14 | 22:15 | CAPITOL ]