FUTURO_PRESENTE: REDEFINIR O NOSO EU DIXITAL


FUTURO_PRESENTE: REDEFINIR O NOSO EU DIXITAL

Nós tamén nos estamos redeseñando sen apenas darnos conta. A situación de distanciamento social e confinamento, así como as dificultades socio-económicas palpables, provocaron que esteamos ante unha nova iluminación do ‘eu dixital’. Un novo humano dixital está a nacer, moito antes do prometido transhumanismo e aínda cos pés na Terra: un ser dixital máis consciente do valor dos seus datos, do valor dos contidos potenciais que é capaz de xerar e dos perigos da imaxe virtual e a xestión da información. Nesta charla centrarémonos en explorar novos modelos de pensamento a partir da xestión dos datos e a imaxe dixital, avaliando a influencia destas cuestións no desenvolvemento creativo e, por tanto, cultural. Morre alguén hoxe en día na internet? Podemos chegar a recibir un beneficio simplemente por “ser” no contexto dixital? Como de importante é a consciencia comunicativa hoxe en día? Como estamos a contribuír ao colapso de contido? Que é a “exformación”? En definitiva: somos conscientes do que somos realmente no contexto dixital?

 

Participan:

Christian García Bello é artista e deseñador. O seu traballo investiga como o individuo transforma, percibe e habita a paisaxe abordando condicionantes contextuais do territorio e a súa identidade como a arquitectura, a historia ou as formas vernáculas. Realizou exposicións individuais en Formatocomodo, a Fundación DIDAC ou o CGAC e participa continuamente en feiras internacionais. O seu traballo foi publicado e apuntado en Artforum, El Cultural ou DARDOmagazine e a súa obra atópase en coleccións relevantes como DKV, CGAC, Colección OTR, Colección Navacerrada ou Colección Centenera. 

Miguel Prado é un artista e investigador do departamento de Filosofía da Universidade do Oeste de Inglaterra en Bristol. Escribiu cumpridamente sobre a teoría da información e cibernética en relación á noción de ruído, e produce música e audio de natureza diversa, colaborando con diversos artistas e teóricos como Mattin, quen tamén forma parte do proxecto Social Discipline Podcast. Na actualidade forma parte da banda HARRGA con Dali De Saint Paul. Recentemente foi o editor da sección especial de NanoEthics (Springer) sobre filosofía e bioloxía sintética.

Ana Quiroga: asturiana afincada en Londres leva producindo música electrónica desde 2010. Nos últimos anos tamén se dedicou ao deseño de son para cinema, performances audiovisuais, instalacións, videoxogos e realidade virtual. Cunha carreira moi prolífica en directo, Ana tocou en Barbican London, Berlin Atonal, Sónar Barcelona, Sónar Hong Kong, MUTEK Montreal, MUTEK Arxentina e México, Norberg e LEV Festival entre outros moitos. Coñecida por ser a metade do dúo LCC (ao principio As Casicasiotone) as cales publicaron 2 álbums (d/evolution e Bastet) e un EP na prestixiosa disqueira Editions Mego, Ana continúa a súa carreira musical publicando baixo o seu propio nome e anteriormente, tamén baixo o seu alias NWRMNTC.

Bego M Santiago: Artista visual de carácter interdisciplinar, especializada no uso da luz como ferramenta pictórica e escultórica. A súa obra explora a retroalimentación entre o real e o representado, a través de binomios como: real / falso, presenza / ausencia e orixinal / copia. A luz é para ela unha ferramenta de simulación de ilusión óptica capaz de dar vida a obxectos inanimados, difuminando os límites entre realidade e conciencia. Experimentando con novos tipos de pantallas e materiais que melloran a profundidade e os efectos ópticos tridimensionais. O seu traballo foi exposto en La Casa Encendida, MACBA, Matadero de Madrid, Image-Forum (Tokio), Mapping Festival (Xenebra), MeetFactory (Praga), FILE – Festival Internacional de Lingua Electrónica do Brasil, LLUM 2018 (Barcelona). A súa recente actividade inclúe residencias artísticas en Museums Quartier (Viena, Austria) e Art Basel Miami 2018 Scope art fair New York 2019 e SPRING / BREAK Art Show New York 2020 Fair.

Los Voluble: Os irmáns Pedro e Benito Jiménez levan máis de dúas décadas enredando co remix, o live cinema, o folclore dixital e o political remix vídeo. “Flamenco is not a Crime” é o seu show audiovisual máis coñecido pero nos últimos anos destacaron tamén os seus traballos xunto a Niño de Elche, as súas colaboracións con Rocío Márquez e Manuel León Moreno ou os seus videoclips para artistas como Pony Bravo ou María José Llergo. En formato dúo VJ/ DJ nútrense da experimentación audiovisual e da mestura en directo, poñendo nun mesmo plano á música electrónica, o flamenco e grandes doses de humor e cultura crítica. As súas sesións inclúen instrumentos dixitais e analóxicos e son sempre mesturados en directo. Cada sesión inclúe grandes momentos de improvisación e contextualización.

 

Moderan:

Marta Gómez y Frankie Pizá

 

[ SÁBADO 19 | 19:00 | AUDITORIO CINC ]

Tags