CGAC

Nun lugar idílico da cidade, integrado xunto ao Parque de Bonaval e outros lugares máxicos da cidade, o Centro Galego de Arte Contemporánea aterrou no ano 1993 nos límites da zona monumental para establecer unha canle entre Compostela e o mundo a través das artes plásticas do noso tempo.

CIDADE DA CULTURA

Gaiás, Cidade da Cultura preséntase como un espazo para a cultura, a tecnoloxía e o emprendemento. Sede da Biblioteca e Arquivo de Galicia, e do Museo Centro Gaiás, o edificio CINC- dedicado ás novas tecnoloxías- acolle tamén o Centro de Emprendemento, onde se impulsan máis dun cento de proxectos innovadores. A súa arquitectura converte o Gaiás nunha das referencias contemporáneas en Galicia.

FUNDACIÓN EUGENIO GRANELL

A terraza da Fundación Eugenio Granell é un lugar privilexiado no Pazo de Bendaña, xusto no medio da zona histórica de Compostela. Construído no século XVIII e presidindo a Praza do Toural, unha das xoias arquitectónicas de Santiago, ademais dunha colección artística envexable durante o WOS acollerá algunhas das nosas actividades.

FUNDACIÓN SGAE

O edificio que alberga á sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela foi construido fai unha década . A súa arquitectura inspírase nas construccións megalíticas, expresando un diálogo coa tradición e a historia dende unha linguaxe contemporánea.

IGREXA DA UNIVERSIDADE

Tradición e modernidade conflúen na Igrexa da Universidade (ou antigamente Igrexa da Compañía), unha pequena capela barroca de orixe xesuíta con máis de catro séculos de antigüidade que o WOS orienta cara as propostas artísticas máis comprometidas coa necesidade de xerar novos formatos e vías de expresión.

LA MONTIEL

Un novo espazo en Compostela: unha antiga fontanería de 117 anos no corazón de Compostela, convertida en espazo non permanente de exhibición, encontro e creación, que acollerá programación de danza, teatro, e unha editoral teatral. Proxecto xestionado por Matarile Teatro, desligado de soportes institucionais, e cunha duración limitada a 3 meses.

MERCADO DE ABASTOS

O Mercado de Abastos representa todo o que o WOS quere facer confluír: tradición e arquitectura, materia prima autóctona e visións alternativas da cultura para unha sociedade galega en constante movemento.

NUMAX

NUMAX é un cinema, unha libraría e un laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual, unha cooperativa e a manifestación perfecta dun novo estilo de xestión cultural coa que WOS está en plena sintonía.

SALA CAPITOL

A Sala Capitol é a sala de maior prestixio do país e unha das máis valoradas a nivel estatal. Case 1000 persoas poden gozar dunha produción musical envexable neste antigo cinema reconvertido nun espazo excepcional.

SALA MALATESTA

A sala Malatesta nace para dar continuidade a un espazo compostelán que se mantivo durante 19 anos como un claro referente na cultura da cidade: a Sala Nasa. A Malatesta aspira a xirar en torno a música, tanto galega como internacional. Seu obxectivo é dinamizar a cidade, abrindo un espazo a todo tipo de actuacións que atraian a un público variado.

SALA RIQUELA

Un novo espazo acolledor en pleno corazón de Compostela, ambientado en séculos de historia, e restaurado respetando toda a súa esencia. Cos mellores medios técnicos, e unha excelente programación musical estable en directo, a Riquela busca abarcar todos os estilos musicais. A súa axenda propón ó público tanto concertos con acceso libre como programación cultural inmersa nos mellores festivais da cidade.

TEATRO PRINCIPAL

Este espazo escénico de estilo italiano é o máis estimado da programación cultural da capital galega. Sito na Rúa Nova, onde conflúen as rutas históricas, turísticas, culturais e gastronómicas da cidade, acolle tódolos grandes ciclos e actividades culturais de Compostela.