Tras a pista do Organ Sound


16:00-17:00 / VENRES 8 / CGAC

TRAS A PISTA DO ORGAN SOUND

Achégate a coñecer o asombroso legado tecnolóxico dos irmáns Portela Seijo, os inventores composteláns do Organ Sound. Un bafle de tubos resonantes deseñado a finais dos anos sesenta, cunha potencia e calidade de son catro veces superior a a obtida polos equipos de alta fidelidade actuais. O director creativo e enxeñeiro Toño Cabanelas e o artista e tecnólogo Miguel Espada adiantarannos os detalles do proxecto de I+D previamente á súa presentación oficial a finais de setembro. Para a ocasión, contaremos coa presenza de Yago Portela Gómez, herdeiro do negocio familiar, para achegarnos a fascinante historia da súa patente e ofrecernos unha demostración en directo dun de modelos orixinais.

Participan:

Yago Portela Gómez (Santiago de Compostela, 1949), fillo de Juan Portela, pioneiro da electrónica e o son en Santiago de Compostela e inventor, xunto ao seu irmán José, do primeiro magnetófono de fío que se coñece no mundo. Desde os oito anos, Yago viviu a evolución do son como espectador privilexiado, comezando coa monofonía e pasando pola HI-FI, a estereofonía, as oito pistas, a cuadrafonía, o son envolvente, ata todas as fontes da actualidade.

Miguel Espada (Madrid, 1977), co-fundador de Espadaysantacruz, un estudo creativo especializado en novos medios, interactividade e experiencias visuais. Os seus traballos para axencias, produtoras, empresas e organizacións culturais exploran as posibilidades das novas formas de comunicación. Apostando firmemente pola innovación e creatividade e involucrándose en todo o proceso creativo, desde a etapa de investigación ata a fabricación do produto final, para crear obras que estean vivas e teñan a súa propia personalidade. – www.espadaysantacruz.com

Toño Cabanelas (Seixo, 1979), enxeñeiro de son, artista multimedia e co-fundador de Bermudas Land, un estudo de innovación audiovisual especializado en vídeos 360º, realidade virtual e wearables hacking. Na actualidade é director artístico do Tek-Fest, encontro internacional sobre tecnoloxías emerxentes de Pontevedra, e compaxina o seu traballo como docente en IED Madrid coa organización de diversos eventos relacionados con I+D no sector cultural e tecnolóxico. http://tek-fest.com http://www.bermudas.land