Máquinas e almas: innovación tecnolóxica e gramáticas de creación contemporánea


16:30-18:00 / XOVES 7 / CDC

MÁQUINAS E ALMAS: INNOVACIÓN TECNOLÓXICA E GRAMÁTICAS DE CREACIÓN CONTEMPORÁNEA

Os Novos Medios non son só medios de produción: son medios de creación, dan lugar a novas narrativas e posibilitan a creación de novos espazos de interacción social; novas paisaxes nos que o virtual é confundido co real. Ademais de presentarnos as súas obras, os nosos relatores abordarán as novas gramáticas de creación contemporánea, en base á súa experiencia como artistas de proxección internacional, e como os Novos Medios representan un lugar común no que converxen as tecnoloxías mediáticas e informáticas, a fotografía, a música e o cinema.

Participan:

Néstor Lizalde (Zaragoza, 1979), licenciado en Belas Artes, Máster oficial en Artes Visuais e Multimedia, Estudos Superiores de Deseño e Electrónica, o seu traballo céntrase na investigación e a creación de dispositivos electrónicos, sistemas audiovisuais e instalacións interactivas, coas que explora as posibilidades xurdidas no mundo da arte a través dos chamados Novos Medios. Participou nalgúns dos festivais máis prestixiosos, como o Ars Electronica (Austria), e en 2013 obtivo o premio ao mellor artista menor de 35 anos outorgado pola Asociación Aragonesa de Críticos de Arte. – http://www.nestorlizalde.com/

Patxi Araujo (Pamplona, 1967), compaxina a súa faceta artística coa docencia como profesor do Departamento de Arte e Tecnoloxía da Facultade de Belas Artes da Universidade do País Vasco. Posúe unha dilatada experiencia no campo da plástica do que provén, e no que realizou numerosas exposicións tanto individuais como colectivas. Traballou o campo da animación experimental, recibindo premios e mencións en diferentes certames artísticos internacionais de vídeo e animación, e ten colaborado en proxectos de implementación tecnolóxica en danza contemporánea, así como en performances. As súas obras máis recentes exploran as relacións entre a arte, a tecnoloxía actual e as súas poéticas, a partir das cales investiga aplicacións escenográficas, instalacións e eventos de natureza interactiva e inmersiva baixo contornas de programación visual (VVVV). – http://patxiaraujo.com/

Modera:

Oswaldo García Crespo (A Coruña, 1977), Doutor en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo.